CLUB DE CIENCIAS 2025-2026

 Dende o Club de Ciencias do CPI Tino Grandío levamos a cabo nestes primeiros trimestres do curso 2025-2026 moitas e moi diversas actividades:

Tivemos un arranque de temporada marcado polo estudo de un sinfín de invertebrados, que dos xeitos máis inesperados apareceron nas nosas vidas: unha libélula no corredor do noso cole, unha oruga de polilla que se refuxiou no leñeiro dunha alumna, tábanos que se nos colan na casa ou anomias que se resisten a ser despegadas dos nosos mexilóns....

Aproveitamos así, para desenvolver gran destreza no manexo da lupa binocular e descubrimos moitos detalles interesantísimos acerca da anatomía e fisioloxía de tan variada fauna.


Ademas tamén houbo tempo para facer experimentos, como o da pasta de dentes de elefante, que se ben non resultou demasiado espectacular, axudounos a investigar acerca de conceptos tales como o de catalizador ou o de reacción exotérmica, e a comprender por que o osíxeno liberado, ao quedar atrapado no xabón, forma unha gran cantidade de escuma.



Despois de pensar na limpeza dental dos proboscídeos, entráronnos gañas de facer algo pola hixiene de mans das persoas, así que puxémonos mans (limpas) á obra e fabricamos de xeito artesanal xabóns de cores e olores máis que apetecibles....algúns ata querían botarlles ó dente!









Tamén lle demos un repaso á física, comprobando como un sólido metálico se dilata ao aplicarlle calor.

E fabricamos os nosos propios fósiles de trilobites, ammonites e terebratulas e turritellas con moldes de plastilina e xeso e comprendimos así, como os restos de seres vivos ou as súas pegadas deixan a súa impronta preservada no sustrato rochoso.


Despois de moito loitar durante o curso pasado, a rapazada do Club de Ciencias conseguiu que a profe se animara a facerse cuns peixiños para o noso acuario.... Menos mal que teño asesoramento experto por parte dos acuariófilos!


E como parte da conmemoración celebrada no centro polo Día internacional da Muller, organizamos unhas conferencias para achegar a figura de grandes científicas de todos os tempos ás máis pequenas. Así, Uxía, Lara, Alba, María, Carla, Icía e Nerea demostraron ter unha capacidade camaleónica de transformación ó converterse en Hipatia de Alexandría, Marie Curie e Margarita Salas. Amosándolle ó alumnado de infantil e primaria que fixeron estas mulleres tan excepcionais. 



Tamén fixemos un divertido experimento con vinagre e bicarbonato para observar como se libera unha grande cantidade de dióxido de carbono na reacción. Para iso puxemos un globo na boca do matraz Erlenmeyer e vimos como se enchía co gas.



Grazas á inestimable colaboracion de Alejandro, profe de Física e Química que nos acompañou durante uns meses este curso, levamos a cabo unha práctica que fascinou a grandes e pequenos. Cunha sinxela mestura de auga e fariña de millo conseguimos entender e ...por que non dicilo? xogar cun desconcertante líquido non newtoniano. Observamos como a resistencia ofrecida por este líquido era diferente en función da forza exercida contra el. Así, puidemos demostrar empíricamente como saltando sobre a súa superficie se comportaba como un sólido e sen embargo, ao ser manipulado con suavidade, respondía como un líquido.



Para rematar este curso 2025-2026 por todo o alto, dende o Club de Ciencias, organizamos unha excursión para visitar en León a Cueva de Valporquero e As Médulas. Ademais, aproveitamos para completar a nosa viaxe con visitar á Catedral de León e o Museo Sierra-Pambley. Grazas ás nosas guías, aprendimos moitísimo sobre os procesos cársticos que modelan a paisaxe subterránea de Valporquero ou a sorprendente técnica de inxeñería de ruina montium (derrumbe das montañas) que lles permitiu os romanos explotar as minas auríferas do Bierzo. 









 E ata aquí as nosas aventuras científicas polo momento...seguiremos informando o curso que ven!!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

EXTRACCIÓN DE ADN

FLORES BICOLORES

GABINETE DE CURIOSIDADES