GABINETE DE CURIOSIDADES
Durante varias semanas o Club de Ciencias estivo inmerso nun apaixoante proxecto proposto polo centro educativo (apaixoante e un pelín estresante por momentos...verdade, rapaces? 😉 ).
Co obxectivo de promocionar as Ciencias entre os máis pequenos durante a semana cultural que se vén celebrando no noso cole dende fai anos, as nosas científicas e científicos (acompañados dun nutrido grupo de voluntarias que por cuestión loxísticas non puideron acudir ao club durante o resto do ano) organizaron e prepararon con moito rigor e cariño unha fantástica actividade divulgativa para os alumnos e alumnas de 5º de EP.
Inspirada nos decimonónicos Gabinetes de curiosidades, o noso laboratorio fixo unha viaxe o pasado para mostrarlles ós máis pequenos como é un dente de cachalote ou unha barba de balea e que teñen que ver estas cos paraugas e os corsés, que son os famosos bolsos de serea que atopamos nas praias e que clase de animais eran os trilobites que poboaban os mares no Paleozoico, que estamos a comer cando comemos unha alcachofa ou por que a piña obsesionou ós europeos entre os séculos XVIII e XIX.
Como directora desta "orquestra" teño que dicir que quedei sen palabras despois de ver o traballazo que fixeron estes rapaces. O grado de entusiasmo, compromiso, dedicación e compañerismo que demostraron e toda unha lección de motivación.
.jpg)

Comentarios
Publicar un comentario